* Un crime na Pena dos Mouros

Foi a finais dos anos trinta ou comezos do corenta do pasado século XX. O suceso aconteceu xunto a Pena dos Mouros, situada ao pasar a aldea do Lago, na parroquia de Fontarón, pero xa en terras de Vilamane.

 

Un mozo, acompañado da súa noiva, regresaban á aldea despois de pasar o día na feira de Becerreá para vender uns produtos da horta. Era á atardecida dun frío inverno. Collidos da man, alixeiraron o paso, a noite non tardaría en caer. E por riba comezaba a nevar.

Respiraron aliviados cando non moi lonxe albiscaron o fume que saía das chemineas. Pero pouco durou o gozo, detrás da coñecida como Pena dos Mouros apareceron uns bandidos. O que era o xefe, acercouse ao mozo e colleulle unha estilográfica á que lle tiña grande estima e que levaba, oufano, no peto da chaqueta. O mozo, forte e con sona de non terlle medo a ninguén, avalanzouse sobre o asaltante. Mais, non chegou a alcanzalo, unha bala disparada por un dos sicarios acabou coa súa vida.

Días máis tarde sóubose por boca da moza, que conseguira fuxir, que os salteadores pertencían a unha coñecida banda do Cereixal.   

* O asasinato do Castellano

Non se sabe con exactitude cando aconteceu o suceso, polas informacións que nos facilitaron pode que fora a mediados do século XIX. 

Un arrieiro de Castela, despois de vender varias pelexas de viño na feira de Becerreá, encamiñouse cara A Pobra de Navia, vía o Alto do Restelo, para facer entrega de distintos produtos que lle encargaran na última visita. Non se podía queixar, o día fora proveitoso, a bolsa ía ateigada de moedas. Adormecido, deixou que as mulas guiaran a carreta, coñecían ben o camiño.

 

Transitaban á altura de Sarceada cando, de súpeto, as rodas da carreta deixaron de renxer. Sobresaltado, abriu os ollos. As mulas non se detiveran por vontade propia, diante delas dous homes impedíalles o paso. Mirounos, a faciana daqueles tipos presaxiaban o peor. Non se equivocou, un deles pediulle a bolsa. O arrieiro avaliou as posibilidades de escapar daquela celada: ou entregarlles a bolsa e quedarse sen nada, ou enfrontarse a eles, ao fin e ao cabo só ían armados con navallas. 

Elixiu, en mala hora, a segunda opción. O corpo sen vida do arrieiro alí quedou tirado no chan, os veciños de Sarceada que acudiron a axudalo cando o oíran berrar non puideron chegar a tempo. Contan que o último que lle escoitaron ao arrieiro foi: "Ay, mi mujer y mis hijos".

Dende aquelas, o sitio onde o mataron recibe o nome de Campa do Castellano.  

* Vandalismo no Camiño Real en Becerreá

O pasado mes de agosto, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, concedeu unha axuda aos Concellos das Nogais, Becerreá, Triacastela, Láncara e O Corgo para a sinalización e promoción do Camiño Real ao seu paso por estes territorios, impulsado na segunda metade do século XVIII por Carlos III para conectar Galicia coa Meseta. Unha das actuacións, e única ata o momento, foi a colocación uns meses despois duns paneis informativos ao longo da ruta que custaron 50.000 euros.

 

No mes de novembro de 2017, pouco despois da súa colocación, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares enviámoslle un escrito ao Concello de Becerreá para que se dirixira á devandita axencia para que corrixira a información plasmada nos paneis xa que comprobamos que contiñan abundantes erros históricos (dicir, por exemplo, que o pobo prerromano dos Zoelas habitou en Becerreá cando está sobradamente demostrado que é falso), ademais de omitir nos mapas ducias de bens patrimoniais, algúns importantísimos por formar parte do propio Camiño Real, como a ponte de Cruzul ou os leguarios da Ferrería e de Laxosa.

 

Pero, dito o anterior, agora non nos imos a referir á información errada dos paneis, senón a uns actos vandálicos dos que foron obxecto. O sábado, 13 de xaneiro de 2018, comprobamos que os dous paneis colocados na parroquia becerrense de Guilfrei, no límite co concello de Triacastela, estaban tirados no chan, e non debido a unha causa fortuíta, senón que foran arrincados e derrubados. Descoñecemos quen o fixo e os motivos, pero fora quen fora actuou de forma premeditada. 

Para aclarar o lamentable suceso xa rexistramos uns escritos dirixidos á Delegación da Xunta de Galicia en Lugo e ao Concello de Becerreá para que tomen as medidas necesarias para averiguar quen foron os responsables.

* A Festa das Ánimas do Purgatorio de Ouselle

Ata finais dos anos sesenta do pasado século XX, cada 15 de xaneiro celebrábase en Ouselle (Becerreá) a Festa das Ánimas do Purgatorio. Se ben dende eses anos xa non se celebra a festa tal como a entendemos (gaiteiros, etc.), non se perdeu totalmente a tradición xa que, o día 15, ademais dos actos relixiosos (misa), algunhas familias, amigos e veciños xúntanse para xantar ou cear a base de cachuchas, chourizos, butelos, etc. dos porcos sacrificados na última matanza. En tempos, as casas mesmo competían por invitar á mesa á xente importante de Becerreá: xuíz, alcalde, médico, cura, etc., aproveitando para pidirlle algún favorciño se fose necesario.



Cando nos interesamos pola orixe da festa, ninguén nos soubo contestar con exactitude, só nos enteramos que viña de antigo.

Foi no mes de abril de 2015, cando andabamos a buscar información sobre a variante do Camiño de Santiago polos Ancares, chegou ás nosas mans unha tese inédita do ano 1957, que baixo o título Notas sobre el arte en Becerreá, fixera a mestra Guadalupe Pardo González, máis coñecida como dona Lupita. Dirixiulle o traballo don Ramón Otero Túñez, que fora catedrático de Historia da Arte na Universidade de Santiago e decano da Facultade de Filosofía e Letras, autor de varias obras sobre a arte galega, entre outras o estudo do coro pétreo do Mestre Mateo da catedral compostelá.

Foi entón cando demos coa transcrición en castelán (no seu traballo, dona Lupita non achega o documento orixinal) dunha Bula do papa Clemente XI  en favor da igrexa de Ouselle onde se concedían xubileos e indulxencias á Confraría das Ánimas do Purgatorio. Segundo o documento, a confraría estaba formada por homes e mulleres, concedendo (traducimos literalmente parte do texto latino, que conseguimos algún tempo despois, ao galego) "a todos, e calquera fieis de Cristo de ambos sexos, que verdadeiramente arrepentidos e confesados que entraren en dita Confraría... visitaren devotamente a dita igrexa o día quince de xaneiro da Festa principal, dende as primeiras vésperas ata posto o sol de dito día da Festa de cada ano, e nela pidiran... a extirpación das herexías, a conversión dos herexes e infieis, e pola paz, unión e concordia dos Príncipes cristiáns, e pola saúde do Pontífice Romano, indulxencia plenaria e remisión de todos os pecados, e concedémola pola autoridade Apostólica perpetuamente". O texto continúa relatando outras formas de acadar as indulxencias por parte dos integrantes da Confraría: intervir en procesións, asistir aos enterros, acompañar ao cura cando lle ía dar a extremaunción a un moribundo, ao que acollera na súa casa peregrinos pobres, etc. O documento data do día 13 de xaneiro do ano 1704.

 

Da Bula despréndese que a Confraría xa levaba anos constituída, e que o día 15 de xaneiro celebrábase a festa que, ao menos, ten unha antiguidade de máis de 300 anos.

A veneración ás ánimas goza de moita tradición na comarca dos Ancares. Críase, por exemplo, que cando unha persoa estaba gravemente enferma escoitábse un sinistro redobre de tambor, o coñecido como "tambor da morte", que anunciaba o pasamento do doente ao Máis Alá. En moitas casas aínda coidan de non varrer a casa pola noite, porque se lles dá para atrás ás Ánimas, impedindo que se quenten xunto o lume. Tamén está a coñecida como Ánima Soila, que é a crenza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e que ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender unha viaxe, bastando rezarlle un Painoso a véspera; de todos os xeitos, non falta quen asegura que non se lle debe rezar á Ánima Soila porque é o mesmo demo.

É probable que esta festa teña unha orixe pagá, que se celebra despois do solsticio de inverno e pouco antes do Entroido onde a comida xoga un papel fundamental.

Este ano 2018, catorce persoas volvemos a lembrar a tradición cunha cea. Fixémola o sábado día 13 porque o propio día cae a luns. O menú, coma sempre, lixeiro: empanada de carne, bacallau, lacón, cachucha, patacas cocidas, repolo, chourizo, butelo, roscón, pasteis, viño, café e unhas copiñas para ben facer a dixestión.

* O Ano Vello e o Ano Novo nos Ancares



O ANO VELLO

A noite do derradeiro día do ano está cargada de misterio xa que se xuntan a despedida do Ano Vello e a benvida do Ano Novo. É un tempo de transición en que se desatan as forzas ocultas e por iso se lle vencellan ritos e poderes máxicos. 

En moitas partes de Galicia queimaban o Ano Vello, como en Becerreá, simbolizado nun boneco de palla vestido con roupa usada que se queimaba cara a medianoite, un xeito de botar fóra do seu mundo todo o vello. Segundo conta Taboada Chivite (1907-1976), "en Becerreá, os mozos dunha parroquia acostuman levar a outra veciña un boneco de palla que representa o Ano Vello. A falcatruada acostúmase tomar como grave aldraxe, e os aldraxados reaccionan, ás veces, de maneira violenta, que remata en liorta e axitación. Nalgunhas partes cólganno, en sinal de burla, no tellado veciño para mofa do pobo. Ese ou outro boneco que representa o Ano Vello, monicreque de palla vestido con roupa vella, quéimase despois publicamente entre barullo e rebumbio xeral". 

É un sacrificio, segundo Nieves del Hoyo, de fermosísima tradición, que substitúe aos animais ofrendados na fase pastoril e cazadora e posterior ofrecemento ao deus da vexetación.

En Becerreá xa non se practica o ritual, só permanece no nome da rúa do Anovello.

O ANO NOVO

O derradeiro día do ano, en Becerreá, facíase o rito de coutar o ano. O patriarca da casa recitaba dende a porta unha fórmula coa familia para espaventar os males que puidesen vir co Ano Novo. En Viladicente (As Nogais), a medianoite, acostumaban abrir a porta da casa para botar fóra o mal, a dor e o sufrimento.

Enchegado o primeiro día do ano, en Murias (Navia de Suarna) tíñase por costume saír as máscaras anunciando o novo tempo que viña co Entroido.

* Memoria 2017 do Colectivo Patrimonio dos Ancares

 

A continuación achegamos a nosa actividade, tanto na comarca dos Ancares coma no resto de Galicia ao longo do ano 2017.

 
NA COMARCA DOS ANCARES

11 de xaneiro: Escrito a Patrimonio para que nos informaran se a Comisión Territorial do Patrimonio Histórico autorizara un cambio de uso nunha parcela situada a carón do Castro de Mazaílle, en Baralla. Contestáronnos que xa se pronunciara e que os traballos foran supervisados por técnicos de Patrimonio. 

17 de xaneiro: Comunicación a Patrimonio sobre a localización do castro da Carballeira, en Baralla. Despois da visita dos técnicos, xa foi catalogado.

28 de xaneiro: Escritos ao alcalde do Concello de Cervantes e á Deputación Provincial de Lugo para que se involucren na posta en valor do castelo de Doiras. 

30 de xaneiro: Escrito a Patrimonio sobre a localización de dúas mámoas na Golada do Campo do Circo, en Cervantes. No mesmo informámolos de que unha mámoa da necrópole dos Forniños, que teñen catalogada como pertencente a Galicia, está, en realidade, en terreos do Bierzo (León).

3 de febreiro: Solicitude de entrevista co Delegado da Xunta de Galicia en Lugo para buscar unha solución para a conservación do castelo de Doiras, en Cervantes. A entrevista celebrouse pouco despois. Fixémoslle entrega dun amplo informe. 

23 de febreiro: Escrito dirixido ao alcalde das Nogais e aos grupos políticos con representación municipal sobre a gravísima deterioración do castelo de Torés para que se tomaran as medidas necesarias para evitar o seu derrube.

1 de marzo: Escrito a Patrimonio sobre a localización dunha mámoa no monte do Circo, en Cervantes. 

1 de marzo: Comunicación a Patrimonio da localización duns petroglifos no Campo Formoso, en Cervantes.

21 de abril: Dous integrantes do noso colectivo gañan o premio de investigación do Concello de Cervantes. 

24 de abril: Escrito á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural de como está o tema da catalogación do denominado como Relevo de Salcedo, procedente da Pobra do Brollón, e que na actualidade se atopa nunha casa particular do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) cando foi mercado con cartos públicos. Contestáronnos o 9 de maio, indicando que, debido á dificultade da súa interpretación, solicitaron a colaboración da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago co fin de informar sobre a importancia e singularidade da peza. Como non conseguiron interpretar os elementos iconográficos e establecer a adscrición cronocultural, dende a Xunta solicitaron a colaboración do Museo do Castro de Viladonga. Continuamos á espera.

28 de abril: Escrito a Patrimonio para que catalogara un fito miriamétrico en Agüeira (Becerreá). Tamén nos diriximos ao Concello para que acondicionara o sitio e o sinalizara. Despois da visita dos técnicos de Patrimonio xa foi catalogado, e o Concello limpouno e sinalizouno. 

22 de maio: Denuncia ante Patrimonio pola agresión aunha mámoa da necrópole megalítica da Pena dos Mouros, en Cervantes.

23 de maio: Comunicación a Patrimonio da localización duns petroglifos no monte de Grandas Longas, na parroquia do Pando, en Cervantes. 

19 de xullo: Escrito a Patrimonio da localización dunha mámoa na serra do Travesal, na parroquia de Liber, en Becerreá.

22 de agosto: Escrito a Patrimonio para que comprobara se o castro de Vilar de Ousón, en Becerreá, fora afectado pola tala efectuada por Gas Natural-Fenosa, e se a empresa solicitara o permiso correspondente por realizarse os traballos dentro da área de protección do sitio arqueolóxico. 

22 de setembro: Comunicación a Patrimonio da localización dunha vila romana no concello das Nogais.

27 de outubro: Escrito a Patrimonio e ao Concello de Becerreá sobre a localización dun antigo forno de cal xunto castro de Vilar de Ousón (Becerreá). 

15 de novembro: Escrito dirixido ao Concello das Nogais para que nos concedera unha entrevista para tratar sobre a valorización do castelo de Torés. A entrevista levouse a cabo, o alcalde comprometeuse a negociar coa familia de Medinaceli a cesión por 99 anos (na actualidade está en 25) e solicitar os permisos e as subvencións para consolidar as arruinadas estruturas. Ese mesmo día fixémoslle entrega de 2.500 sinaturas apoiando a nosa iniciativa.

20 de novembro: Escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural para que cataloguen o anaco dun leguario do Camiño Real situado na Ferrería. Tamén llo comunicamos ao Concello das Nogais para que o inclúa no PXOM. 

22 de novembro: Escrito aos Concellos de Becerreá e As Nogais para que se dirixan á Axencia Turismo de Galicia para que corrixan a información duns paneis (prezo 50.000 euros) que “desinforman” sobre o Camiño Real ao paso por estes municipios.

20 de decembro: Na reunión do Grupo Rector da Reserva da Biosfera dos Ancares, do que formamos parte, aprobouse a proposta de sinalización de varios monumentos e sitios arqueolóxicos dos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna que fixemos os do noso colectivo. 

Variante do Camiño de Santiago polos Ancares: Xunto coa Asociación Val de Torés continuamos coas iniciativas para que a Xunta de Galicia recoñeza esta variante do Camiño Francés. Ao longo do ano achegámoslle, para que a xunten á proposta que lle enviamos, máis documentos que foron aparecendo. Tamén organizamos varias andainas.

Ao longo do ano participamos en varios actos organizados por outros colectivos e asociacións, tanto da comarca dos Ancares coma do resto de Galicia. 

Tamén confeccionamos e distribuímos folletos con información relativa ao patrimonio (historia, localización...).

A través dos nosos blogs, das redes sociais e dos medios de comunicación tamén achegamos novas lendas, tradicións, historias, etc.

No mes de xuño participamos na creación da Rede do Patrimonio Cultural Galego. 

Dentro das distintas actividades da Reserva da Biosfera, a Deputación de Lugo publicou un libro de Historias, lendas e tradicións do Concello de Cervantes. Xa temos practicamente rematados outros do mesmo tipo dos concellos de Baralla, Becerreá, Navia de Suarna e As Nogais. 

NOUTRAS PARTES DE GALICIA

19 de xaneiro: Comunicación a Patrimonio sobre a localización dun castro na aldea de Valbón, concello do Incio. Contestáronnos o 22 de febreiro que, despois da visita dos técnicos, xa foi catalogado.

7 de marzo: Denuncia pola agresión a unha mámoa nos montes de Mougá, na parroquia de Doniños, concello de Ferrol. 

Marzo: Comunicación a Patrimonio sobre a localización de varias penas con gravuras no monte da Pena do Rei, parroquia de Marcoi, concello de Lugo.

Marzo: Documentamos dous machados do Neolítico e unha punta de lanza de bronce que un veciño de Baralla gardaba no seu domicilio. 

10 de abril: Comunicación a Patrimonio para que cataloguen un baixorrelevo reaproveitado na casa reitoral de Martul, en Outeiro de Rei.

10 de abril: Escrito a Patrimonio sobre a localización duns petroglifos na Chousa do Conde, parroquia de Andrade, concello de Pontedeume. Contestáronnos o 8 de maio, despois da visita dos técnicos xa foron catalogados. 

17 de abril: Denuncia pola agresión aos petroglifos do Pé da Mula, na parroquia de Sabaxáns, en Mondariz.

24 de abril: Recibimos escrito de Patrimonio onde se nos informa que, despois da visita dos técnicos, catalogaron os petroglifos da Pena Serrada e a mámoa do Pico das Mallas, no concello de Outeiro de Rei, que foran localizados polo noso colectivo.

26 de maio: Solicitude de entrevista ao alcalde de Cospeito para buscar unha solución para a arruinada torre de Caldaloba, na parroquia do Pino. A entrevista celebrouse o 30 de agosto con resultados moi positivos.

6 de xuño: Escrito a Patrimonio sobre a localización duns petroglifos no monte do San Fitoiro, parroquia de Labio, concello de Lugo. 

10 de agosto: Comunicación a Patrimonio sobre a localización dunha mámoa no concello de Negueira de Muñiz.

17 de agosto: Escrito a Patrimonio para que catalogue os petroglifos da Pena Castrela, na aldea de Montecelo, e a Pena das Verrugas, na parroquia de Vilafiz, ambas no concello de Friol. 

17 de agosto: Comunicación a Patrimonio sobre a localización dun dolmen na aldea da Insua, parroquia de Vicinte, no concello de Outeiro de Rei. O día 25 do mesmo mes, despois da visita dos técnicos de Patrimonio, foi catalogado.

4 de setembro: Denuncia pola agresión a unha mámoa no Parque Empresarial de Friol. 

12 de setembro: Denuncia pola destrución dunha mámoa no Parque Empresarial de Friol. Tempo despois contestáronnos de que xa se fixo a proposta da correspondente sanción. Estamos á espera.

1 de outubro: Comunicación a Patrimonio da localización de dúas mámoas na parroquia de Caboi, en Outeiro de Rei. 

13 de outubro: Notificamos un malentendido sobre a descuberta dun dolmen na parroquia de Vilalvite, en Friol, que se daba coma inédito. Comunicámoslle a Patrimonio que xa fora descuberto no ano 1992.

24 de outubro: Comunicación a Patrimonio sobre a localización dunha torre medieval en Francos, no concello de Outeiro de Rei. No mesmo escrito instámolos a descatalogar un castro que sitúan no Castelo do Ferreiro, na mesma parroquia, porque non existe. 

9 de novembro: Denuncia sobre a agresión a unhas mámoas no Monte do Gato, no concello de Oza-Cesuras.

10 de novembro: O alcalde do Concello de Samos pidiunos que fixeramos un inventario dos sitios arqueolóxicos do municipio. 

14 de decembro: Denuncia sobre a agresión a unhas mámoas na parroquia de Santalla da Devesa, en Friol.

19 de decembro: Escrito a Patrimonio sobre a localización duns petroglifos na aldea de Santa Cruz do Oural, no Incio. 

26 decembro: Comunicación a Patrimonio sobre a localización duns petroglifos no monte de San Cibrao, concello da Bola.

A carpeta de “pendentes” témola ateigada de informacións propias e achegadas por un montón de xente (a quen lles manifestamos o noso agradecemento máis sincero) de lugares con seguros ou probables sitios arqueolóxicos que tentaremos atacar ao longo do 2018. Como prioritario, queremos examinar unha inxente pía de documentación antiga facilitada por distintas persoas. Xa temos moi avanzados varios informes sobre o estado de conservación de distintos monumentos da comarca dos Ancares, tanto civil coma relixioso. Nos próximos meses daremos a coñecer unha saborosa información sobre unha peza relixiosa que nos trae de cabeza dende hai algúns anos. Continuaremos traballando polo recoñecemento da variante do Camiño de Santiago polos Ancares. Tampouco nos esquecemos de seguir coa loita pola posta en valor do castelos de Doiras e Torés e a torre de Doncos. Entre os “pendentes” tamén está o recoñecemento da vía romana XIX da que xa presentamos informes aos Concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna quen xa nos manifestaron a súa total colaboración. E máis... 

BO 2018  

* Tradicións do Nadal na comarca dos Ancares

 

(Foto de Soledad Felloza  no pazo de Amarante, Antas de Ulla)

Cotarelo, no seu traballo A Noiteboa na aldea, describe deste xeito o ritual do Tizón de Nadal: "Sabido é que para os nosos aldeáns este elemento de vida e gran purificador (o lume) é un ser vivinte, por iso din mata o lume, cando mandan apagalo e morreu o lume para sinalar que se apagou. Ninguén se atreve a cuspir nel por telo como pecado, dado que o lume saíu pola boca dun anxo. O lume novo acéndese a véspera de Nadal. Várrese con moito coidado o lar, e ponse nel un gran toro, ao que se lle prende lume, pois ha de traer a sorte para a facenda e para os donos.  Despois de queimado un pouco, déixase que se apague e aí se conserva o tizón de Nadal, para volver a acendelo cando haxa temor dalgunha desgraza para a casa". Rodríguez López, en Supersticiones de Galicia (1910), cita este costume en Becerreá e Cervantes, e insiste na circunstancia de limpar ben o fogar a Noite do Nadal, mais o cepo que aquí se pon ha durar todo o ano, isto é, acenderase todos os días, anque de noite se apague. Dito tizón ten un carácter sagrado, de tal sorte que o resto que queda consérvase relixiosamente para facelo arder no lume cando ameaza unha gran calamidade, pedriza ou unha importante tempestade. Hai quen leva a orixe sobre un costume dos celtas que acendían unha candea o día do solsticio de inverno, se ben non existe consenso canto a esta hipótese. O que si parece certo é que se trata dun rito precristiá.

Por Noiteboa, nos seis concello da comarca, estaba extendido o costume de que os mozos percorreran as casas da veciñanza cantando panxoliñas acompañados dun gaiteiro, obtendo a cambio donativos que utilizaban para celebrar festa e baile. En Navia de Suarna, os cantares encomenzaban sempre con estrofas de "pidir licenza" para actuar.  

Nos únicos concellos da comarca dos Ancares onde documentamos a presenza do Apalpador é no das Nogais e Pedrafita do Cebreiro, nas serras do Piornal e do Rañadoiro. O Apalpador era un carboeiro que vivía nas montañas e na Noite de Nadal baixaba ás aldeas onde había nenos para comprobar se tiñan as barrigas cheas e deixarlle castañas se non era así. Este personaxe reflectía a preocupación, en tempos de escaseza e frío, polo benestar dos nenos. As nais recitábanlle aos fillos: "Hoxe é día de Nadal/día do Noso Señor/ide logo para a camiña/que vai vir o Apalpador./Hoxe é día de Nadal/vai meniño para a camiña/que vai vir o Apalpador/a apalparche a barriguiña".